Como é habitual, comezamos o programa cos espazos colaborativos: A Noticia do Día e O corpo fala.
Inmediatamente despois entramos nunha nova entrega de Radio Saúde Burela, nesta ocasión dedicado fundamentalmente ao coidado da vista.
Na primeira parte do programa falamos con Sofía Méndez Coto, especialista en oftalmoloxía no hospital de Burela. Sofía Méndez naceu en Oviedo e alí estudou desde a Primaria ata a universidade. Participou no programa Erasmus pasando un curso na cidade francesa de Rennes e comezou traballando na Medicina Familiar e Comunitaria. Más tarde, decidiuse pola oftalmoloxía e especializouse na cirurxía refractiva, na oculoplástica e na da órbita do ollo. Con ela falamos das revisións oftalmolóxicas, das enfermidades oculares, das consecuencias do uso excesivo de pantallas para a vista e das recomendacións que nos poden axudar a coidar os nosos ollos.
Na segunda parte do programa, conversamos con Marta Basanta Fernández. Ela é diplomada en Óptica e Optometría pola Universidade de Santiago de Compostela. Desenvolveu o seu labor en varias ópticas, ata que en 2008 decidíu abrir a súa propia en Burela coa franquicia Alain Afflelou. Con ela falamos dos principais servizos que ofrece unha óptica, das graduacións, do uso das lentes e das lentes de contacto.
Aproveitamos para falarvos do Plan Veo, un sistema de axudas de ata 100 euros por neno ao ano para a adquisición de lentes ou lentes de contacto destinadas a nenos, nenas e adolescentes ata 16 anos (inclusive) cun problema de refracción diagnosticado e con dereito á atención sanitaria con cargo a fondos públicos.
















.jpeg)








